Monday 13 de May de 2024

Aprobadas 244 solicitudes das axudas do bono-taxi, un cento máis que o ano pasado, para facilitar os desprazamentos a persoas con mobilidade reducida


A convocatoria, que viu incrementado o número de demandantes de cara a este 2022, ten un importe global de 155.000 euros

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación, determinou a concesión, de cara a este ano, de 244 solicitudes para a obtención do bono-taxi, unha prestación baseada en axudas económicas individuais a persoas con discapacidade que, por estar gravemente afectadas na súa mobilidade, teñen problemas para utilizar os transportes públicos colectivos, circunstancia pola que se lles facilita un servizo de desprazamentos en taxi.

A convocatoria, emitida o pasado 17 de novembro e pechada un mes máis tarde, o 16 de decembro, ten un importe global de 155.000 euros, destinados a persoas que teñan unha discapacidade que afecte á súa mobilidade —recoñecida polo organismo competente da Xunta de Galicia ou a Administración correspondente—, que sexan maiores de 3 anos, residan no termo municipal da Coruña e consten como empadroados desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de inicio do prazo de presentación de solicitudes.

De cara a este 2022, o Concello aprobou 111 solicitudes máis que as concedidas o ano pasado, o que incrementa a 244 o total de beneficiarios para este exercicio. Tras a proposta de resolución, de carácter provisional e publicada na páxina web de Servizos Sociais o pasado venres 11 de febreiro, abriuse un prazo de dez días hábiles para a presentación de alegacións, que finalizará o vindeiro día 24 de febreiro. Unha vez finalice dito prazo e se tramite a resolución final, executarase a entrega dos bono-taxi aos beneficiarios.